Ábrese unha convocatoria para reserva e acceso preferente a catro módulos de traballo de xeito totalmente gratuito do coworking do Pazo de Arenaza para estudantes do Mestrado Universitaroio de Arquitectura (MUA) e estudantes graduados nos últimos dous anos da ETSAC que desexen comezar un proxecto empresarial en fase de preincubiación e sexan previamente seleccionados por unha Comisión conformada por persoal da ETSAC e do equipo xestor do coworking do Pazo de Arenaza.
Os proxectos promovidos por estudantes da ETSAC entrarán no espazo de coworking do Pazo de Arenaza, dispoñendo de 12 meses para desenvolver o seu proxecto e formalizar a creación dunha actividade empresarial en calquera das formas legalmente establecidas. Este prazo de 12 meses poderase ampliar até os 18 meses baixo petición previa do propio proxecto mediante solicitude e memoria explicativa dos motivos.
Estas prazas dan dereito ao uso ilimitado das instalacións e dos seus servizos complementarios de apoio profesional e empresarial.
O prazo de presentación de proxectos está aberto até o vindeiro 11 de setembro ás 14,00 h.
A solicitude farase de xeito telemático, a través da plataforma de tramitación telemática da Deputación Provincial da Coruña SUBTeL, aloxada na súa sede electrónica: https://sede.dacoruna.gal/subtel
A documentación a entregar é a que segue:
1. Memoria técnica do proxecto empresarial (anexo I)
2. Modelo de negocio (anexo II)
Atopa toda a info aquí.