Declaración da Dirección da ETSAC ante determinados contidos dos programas electorais en arquitectura na actual convocatoria electoral

En contadas ocasións o equipo de dirección da ETSAC expresa publicamente unha opinión propia sobre un asunto público.

Durante a pandemia de COVID-19 houbo momentos onde isto foi necesario. Fíxose tamén hai un ano, cando os lumes forestais queimaban as nosas serras, convertendo algunhas das nosas aldeas en tristes esqueletos fumeantes.

A palpitación política que se vive actualmente, nas proximidades do encontro electoral a celebrar o vindeiro 23 de xullo confronta modelos sociais diferentes. E isto é legal e lexítimo e tamén enriquecedor.

Neste contexto electoral somos coñecedores que o programa dun dos partidos políticos que queren gobernar o Estado se inmiscúe en ámbitos propios da nosa disciplina como son a proposta de eliminación da iniciativa denominada “New European Bauhaus”. 

Esta é calificada despectivamente de “proxecto globalista” indicándose que “baixo a coartada do fanatismo climático (sic) … pretende uniformizar a realidade das nosas cidades”. Tamén se se apunta a institucionalización dun determinado estilo arquitectónico, de inspiración rexionalista (sic).

A gravidade destas propostas non nos debe deixar indiferentes.

A nova Bauhaus Europea é un instrumento xurdido da máxima institución colectiva do continente para a través da arquitectura acadar a construción dun entorno humano sustentable, inclusivo, fermoso e de alta calidade. Inspírase para estas altas metas -o seu nome déixao ben claro- na Bauhaus. Aquela preclara experiencia xurdida en Alemaña en 1919, con racionais principios creativos e tecnolóxicos e un forte compromiso social e que finalmente sería liquidada polo totalitarismo nacionalsocialista.

A Academia quere que a sociedade se interese pola arquitectura. Por isto aplaude que os partidos políticos a integren nos seus proxectos xa que coa arquitectura se constrúen os espazos nos que se soportan os dereitos das persoas.

Este equipo de dirección defende os principios e valores humanísticos da arquitectura, entendendo o exercicio profesional como acto creativo orientado á construción dunha sociedade xusta. 

A Coruña, 18 de xullo de 2023

Dirección da Escola Técnica Superior de Arquitectura
Universidade da Coruña