Ramón Vázquez Molezún. Paisajes

Fundación Luis Seoane.  / 

A figura e o legado de Ramón Vázquez Molezún (A Coruña, 1922 – Madrid, 1993) foron obxecto de especial interese durante 2022 con motivo da celebración do centenario do seu nacemento. O pasado mes de outubro, coincidindo cos actos da Semana da Arquitectura, a Fundación Luis Seoane acolleu unha exposición sobre La Roiba, unha das obras máis significativas do arquitecto coruñés. Coa exposición Ramón Vázquez Molezún. Paisajes, promovida polo Concello da Coruña, o Colexio Oficial de Arquitectos de Madrid e a Fundación Arquitectura COAM, a perspectiva sobre o seu traballo amplíase á totalidade da súa traxectoria: os seus comezos a finais dos anos corenta, a súa colaboración co arquitecto José Antonio Corrales nun dos estudos máis importantes do noso país, o seu labor docente…

Ademáis da súa vertente profesional, a exposición arroxa unha ollada sobre as facetas artística e creativa do arquitecto a través das súas pinturas, os seus gravados e fotografías, así como as súas incursións no deseño. A selección documental levada a cabo por María Molezún e Pablo Olaquiaga sobre o seu legado, custodiado pola Fundación Arquitectura COAM, establece un percorrido biográfico a través de cinco capítulos, denonimados Paisajes, nos que se mesturan o persoal, o artístico e o arquitectónico. A influencia da paisaxe galega, do mar, da Roma clásica ou das cidades do norte de Europa na súa pintura, o paso posterior desta disciplina á arquitectura, a importancia dos materiais, das texturas, ou o papel da cor na súa obra son algúns dos aspectos que forman parte dun proxecto que poderá visitarse na Fundación Luis Seoane ata o vindeiro 28 de febreiro.