Mais que lume

Mais que lume

As ducias de miles de hectáreas queimadas nestes últimos dias de xullo do 2022 nas Serras Orientais de Galicia son un dato estremecedor. 

O lume entrou nalgunhas aldeas, deixando tras de si un panorama dantesco de xentes sen o seu fogar e sen as súas facendas. Reduciu tamén a cinzas o que eran impresionantes reservas da biosfera e bloqueou e inutilizou infraestruturas de todo tipo. 

Mostramos a nosa consternación polo sucedido, a súa solidariedade coas persoas que padeceron perdas e sufrimento e o seu agradecemento a quen traballaron para controlar a situación. 

A catástrofe acaecida evidencia os efectos de longos anos de construción dun modelo territorial que se demostra obstinadamente inviable.  

Desde esta institución, orgullosa de colaborar no modelado de Galicia desde hai case cincuenta anos sentímonos concernidos con tódolos actores que traballen a prol da urxente recuperación do destruído e da renovación das formas de construción territorial desta terra. 

ETSAC, 25 de Xullo de 2022