A ETSAC acolle un simposio internacional sobre a relación da Arquitectura e Urbanismo coas Matemáticas e Ciencias da Computación

A Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña acollerá o “6TH international symposium formal architectural methods” centrado no estudo dos novos desenvolvementos do traballo colaborativo desde a Arquitectura e o Urbanismo coas Matemáticas e as Ciencias da Computación na definición de procesos de análise, ideación e comunicación alén dos paradigmas coñecidos no deseño arquitectónico e urbano, a organización do territorio ou a xestión ambiental.

Durante a semana do 23 ao 28 de maio, a Escola contará con corenta conferencias, catro obradoiros, varias exposicións e outros actos paralelos. O aforo é limitado e require inscrición previa. O alumnado e profesorado da UDC terá unha cota de matrícula reducida.

A serie Métodos Formais en Arquitectura (FMA) comezou en 2011 e é un simposio internacional bienal. O 6FMA centrarase en campos científicos cuxas áreas de aplicación utilicen metodoloxías derivadas das Ciencias Matemáticas e Informáticas, especialmente aquelas que foron testemuñas de desenvolvementos recentes.

O obxectivo principal deste simposio é contribuír ao debate nos campos da Arquitectura e o Urbanismo sobre a aplicación de novos métodos formais aos problemas técnicos e sociais emerxentes. Os métodos formais céntranse nos avances tecnolóxicos baseados en novos desenvolvementos procedentes do traballo colaborativo coas Matemáticas e as Ciencias da Computación que posibilita varios graos de abstracción e formalización. Desde a xeometría milenaria ata as gramáticas de formas actuais, pódense presentar varios enfoques formais da Arquitectura e o Urbanismo. O obxectivo do simposio é discutir, difundir e fomentar o uso de métodos formais na creación de novas linguaxes explícitas para resolución de problemas en Arquitectura e Urbanismo. Discutiranse os problemas actuais no campo e os potenciais e os inconvenientes do uso de métodos formais para abordalos. Estes problemas van desde a produción, a sustentabilidade, a representación, a comunicación, o patrimonio entre outros, sen deixar de ver a Arquitectura e o Urbanismo como actividades tanto tecnolóxicas como artísticas.

Máis información: http://fma2022.archformalmethods.eu/