Celebración do dia mundial das cidades na ETSAC

O vindeiro 31 de outubro é o día mundial das cidades.  

Esta é unha efeméride global lanzada polas Nacións Unidas para alimentar a reflexión sobre o futuro urbano do planeta. Este ano ten por argumento ADAPTANDO AS CIDADES AO CAMBIO CLIMÁTICO.  O obxectivo desta rede global de eventos é a colaboración na loita contra o cambio climático, facendo as cidades máis inclusivas, seguras, resilientes e sustentables. 

A ETSAC súmase a esta celebración desde a iniciativa Green Campus organizando un evento local baixo o lema global ADAPTANDO AS CIDADES AO CAMBIO CLIMÁTICO.   

O evento, en formato de mesa redonda-debate trae á ETSAC a representantes dos gobernos municipais da Coruña, Pontevedra e Arteixo xunto coa arquitecta galega Teresa Táboas. Son tres cidades de diferente dimensión e gobernos de orientacións política diversas. Táboas é conselleira da Unión Internacional de Arquitectos.  O obxectivo é o de compartir e dar a coñecer as experiencias e as problemáticas da xestión urbana dende un punto de vista ambiental, abarcando temas como a mobilidade, a protección do medio natural, a industria e o modelo urbano en xeral. 

O evento será transmitido en directo pola cadena SER, que moderará desde un plató instalado no espazo polivalente da planta baixa da ETSAC.  

O evento terá lugar na planta baixa da ETSAC o vindeiro martes 27 de outubro ás 12,00 h e se poderá seguir en Streaming neste enlace.