REVALGADA, gañador do concurso “Posta en valor da valgada do Campus de Lugo”

O proxecto titulado”Revalgada” do equipo formado por Álvaro Alfaro Fernández, Alona Cegarra Mauriz, Pablo López Arias e Eva Pérez Mosteiro, todos alumnos da nosa Escola, é o gañador do concurso “Posta en valor da valgada do Campus de Lugo”.
O obradoiro celebrado na cidade de Lugo é unha iniciativa do grao en Paisaxe coa Universidade de Santiago e a Deputación de Lugo, e serviu para que os alumnos de centros da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e da Universidade da Coruña (UDC) achegasen propostas tras traballar en grupo para poñer en valor o “corazón verde” do campus de Lugo .
O proxecto Revalgada inclúe propostas de intervencións urbanísticas e paisaxísticas que buscan a rexeneración do espazo a través da recuperación de usos do anfiteatro central, ao tempo que valorizan a presenza da auga, contempla intervencións na cuberta vexetal e melloran as sendas peonís existentes.
Parabéns aos gañadores!