Convenio marco ETSAC-UDC – Fundacion RIA

A Universidade da Coruña e a Fundación RIA asinaron o día 15 de decembro  un protocolo de colaboración para traballar conxuntamente e intercambiar experiencias nos campos da investigación, a cultura e a docencia.

Mediante este protocolo, a Universidade da Coruña e a Fundación RIA pretenden contribuír co seu traballo conxunto á planificación e xestión sustentable do territorio galego e ao intercambio, creación e transferencia de coñecementos, en particular daqueles propios da formación en arquitectura, territorio e paisaxe.

Ámbalas partes consideran necesario un maior achegamento entre a universidade e os ámbitos social e laboral, para facilitar a futura inserción laboral do alumnado universitario egresado mediante programas académicos coordinados con problemáticas presentes na sociedade e a alternancia da súa formación con prácticas externas.

Nesta dirección, a Universiade da Coruña pretende aproveitar a experiencia acumulada da Fundación RIA no tocante ás metodoloxías de participación cidadá, traballo de campo e involucración de diversos axentes na toma de decisións. Ademáis, quere aproveitar a súa capacidade para conectar a investigación e formación académica con casos de estudo reais e concretos e, deste modo, potenciar o valor da educación pública como servizo á sociedade, devolvendo parte do investimento en forma de investigación e propostas proxectuais.

O acordo facilitará o intercambio de profesionais, profesores e investigadores e fomentará a participación conxunta en proxectos e programas de investigación e desenvolvemento bilaterais ou multilaterais.

As distintas modalidades de cooperación serán obxecto de convenios elaborados de común acordo entre ambas entidades.

A Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña e a Fundación RIA xa colaboraron previamente  en diversas actividades.

A Fundación Rede de Innovación Arousa (RIA) é unha organización sen ánimo de lucro baseada en Galicia e promovida polo arquitecto británico David Chipperfield que iniciou a súa actividade en 2016 para contribuír a unha planificación e xestión sustentable do territorio galego, poñendo de relevo o equilibrio existente nesta rexión entre medioambiente, sociedade e aproveitamento dos recursos naturais. Dende entón, a Fundación RIA desenvolve estratexias e proxectos co fin de contribuír a reforzar este equilibrio. Paralelamente, con esta labor preténdese extraer leccións para un futuro máis sustentable que poida servir de inspiración para guiar o desenvolvemento doutros territorios.