O equipo do profesor Carlos Pita gaña o concurso para rehabilitar a Fábrica de Armas

O equipo do profesor Carlos Pita gaña o concurso para rehabilitar a Fábrica de Armas como Cidade das TIC, así como o proxecto do primeiro edificio que se fará, o Centro de Servizos Avanzados (CSA). O panel de premiados está dominado por profesorado da ETSAC.

Ao Concurso de proxectos presentáronse 19 propostas resultando o primeiro premio para a proposta As Found! do equipo do arquitecto e profesor da ETSAC Carlos Pita Abad; o segundo premio foi para o proxecto Motherboard, dos arquitectos José Manuel Casabella e José Luis Martínez Raído, tamén profsores da ETSAC; e o terceiro premio acadouno a proposta EGJIA 117, da arquitecta Elisabeth Abalo Díaz. O xurado decidiu dar unha mención especial á proposta DOOM 2020 dos arquitectos Irisarri Piñeira e Sabín Blanco, que .

A valoración arquitectónica que o xurado fixo do proxecto gañador para o CSA destaca que “consiste nunha intervención respectuosa e sincera, que pon en valor o existente e actualízao coa inclusión de novas pezas e solucións que o activan e revitalizan. Valórase moi especialmente a nova estrutura de madeira que se insire no patio central, sen que supoña un obstáculo senón máis ben un acontecemento. O resto dos espazos son fluídos e funcionais. Proposta moi posibilista e economicamente viable”. Sobre a cualificación espacial e funcional da parcela, recolle a acta do xurado que se “utiliza o concepto do lema “As found” para elaborar unha metodoloxía de intervención a todos os niveis, cun resultado moi ordenado e preciso, que equilibra con acerto os espazos libres e as zonas construídas”.

A ordenación da parcela propón “a creación dun gran parque urbano onde se lea con facilidade a vella estrutura da Fábrica de Armas e como esta se convirte na Cidade das TIC, nun lugar de carácter, amable, acolledor e máis humano”.

Sobre o CSA, a primeira das naves que se rehabilitará, proponse unha construción de 2.627 metros cadrados entre a planta baixa e a entreplanta destinados a empresas TIC; e 2.069 metros cadrados para laboratorios, aulas e zonas comúns (cafetería, espazos de traballo informais, instalacións…). O proxecto propón a potenciación da tipoloxía basilical do edificio coa introdución dunha nova construción de madeira de 440 metros cadrados, destinado a aulas, coworking, cafetería e espazo informal.

O xurado, presidido polo reitor da UDC, Julio Abalde, estaba formado por Miguel Abelleira, arquitecto designado pola Sociedade Centro de Servizos Avanzados Cidade das TIC; Cristóbal Crespo, arquitecto designado pola Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña; Amparo Casares, arquitecta e vicerreitora de Infraestruturas e Sustentabilidade da UDC; Antonio Raya, arquitecto e adxunto da Vicerreitoría de Infraestruturas e Sustentabilidade da UDC; Álvaro Fernández, arquitecto representante das empresas socias da Sociedade Centro de Servizos Avanzados Cidade das TIC; Antonio Rodríguez del Corral, representante da Sociedade Centro de Servizos Avanzados Cidade das TIC; Leoncio Touceda, representante da Sociedade Centro de Servizos Avanzados Cidade das TIC; e Bernardo Lage, xefe do Servizo de Arquitectura da UDC, como secretario.

Parabéns aos premiados e premiadas!