Día das letras galegas 2020

ESTA E MIL PRIMAVERAS MAIS

No día das letras galegas de 2020

A Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña é unha institución pública, que está próxima a cumprir os seus primeiros cincuenta anos de andaina.
Durante todo este tempo formamos aos centenares de profesionais que constrúen, administran, xestionan, alzan ou difunden a arquitectura nesta terra e en tódolos recantos do mundo a onde foron chegando.
Fomos e somos as persoas, que participamos na construción do futuro e coidamos do que herdamos do pasado. Das venerables pallozas, da extraordinaria cidade de Santiago, das heroicas paisaxes de socalcos dos vales fluviais do interior ou dos faros do fin do mundo.
Prácenos asumir esa responsabilidade arquitectónica e territorial que implica un enorme e consciente compromiso social, o que inclúe o compromiso coa lingua das xentes desta terra.
A alegría deste 17 de maio de 2020 vese tristemente empanada pola enfermidade que a COVID-19 trouxo ás nosas vidas, levándolla a un número insoportable de persoas e provocando unha ampla crise cívica que nos convulsionou en tódalas ordes da vida.
Desde o confinamento dos nosos fogares agardamos que chegue esta primavera e outras mil mais.