8M Día Internacional da Muller | ETSAC

A Universidade da Coruña, a través da Vicerreitoría de Igualdade, Cultura e Deporte, organiza varias actividades para conmemorar o 8M Día Internacional das Mulleres cun programa que leva como título [RE] accións e que comeza xa este xoves.

5 de marzo.- Lectura dun manifesto institucional. Ás 12:00 horas na praza enfronte da Vicerreitoría do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, e ás 13:00 horas no patio da Reitoría, A Maestranza na Coruña. En caso de choiva, será na peceira do salón de actos do campus de Ferrol e no Paraninfo da Reitoría, respectivamente. Convídase ás asistentes a que acudan cun libro escrito por unha autora para ler algún fragmento ao remate da lectura do manifesto.

7 de marzo.- Ferrol, unha cidade de mulleres. Visita guiada pola cidade de Ferrol a través das vidas das mulleres que fixeron e deixaron a súa pegada nesta cidade. Saíndo da Casa do Patín (10:00h.) e do emblemático barrio de Esteiro, a andaina irá polo Campus de Ferrol, Cantón, praza da Constitución, praza de Galicia, rúa Concepción Arenal/Hospital, praza de Amboaxe, e rúa Magdalena para rematar nos xardíns de Herrera. Farase unha viaxe no tempo, polas rúas da cidade a través das vidas de Concepción Arenal, Carolina Casanova, Ángeles Alvariño, Hildegart Rodríguez, Ángela Ruíz Robles ou Isabel II; mulleres costureiras, redeiras, lavandeiras, carrexadoras, augadeiras, mestras, científicas, escritoras, intelectuais… Este roteiro require inscrición previa en https://www.udc.es/gl/novas/Ferrol-8M-unha-cidade-de-mulleres/

ESCOLA TÉCNICA SUPERIOR DE ARQUITECTURA

10 de marzo.– A Comisión de Igualdade celebrará na Escola Técnica Superior de Arquitectura a Xornada “DÍA DA MULLER 2020”, coas seguintes actividades programadas:
11:30 Presentación da xornada
11:45 “Arquitectas de Galicia en cifras”. Mónica Mesejo e María Carreiro
12:15 Rolda aberta de intervencións
12:30 “Rosalía de Castro: feminismo, pensamento avanzado, modernidade”, Pilar García Negro
13:30 Rolda aberta de intervencións
13:45 Peche do acto

12 de marzo.- Reto 50 mulleres máis na Galipedia. Convócase a toda a comunidade universitaria para aumentar o número de mulleres na Galipedia co reto de chegar a 50 novas mulleres que a día de hoxe non figuran nela. Será na Facultade de Informática ás 16:00 horas.