Presentación do libro «Arquitectura Popular en Galicia» de Pedro de Llano Cabado

O vindeiro xoves 19 de decembro, ás 20:00 horas, terá lugar na Delegación do COAG na Coruña (Rúa Federico Tapia, 64) a presentación da edición revisada 2019 do libro «Arquitectura popular en Galicia» de Pedro de Llano Cabado. Trátase dun libro valiosísimo e imprescindible para coñecer en profundidade a Arquitectura Popular Galega a partir dunha análise exhaustiva e meticulosa, magníficamente ilustrado e documentado. A publicación levaba varios anos esgotada nas súas sucesivas edicións.

Nesta edición agrúpanse nun único volume os dous libros de Arquitectura Popular en Galicia, publicados por primeira vez en 1981 e 1983. A revisión lingüística dos textos, para a súa adecuación á normativa vixente, supón a máis significativa variación con respecto ás edicións orixinais, así como o tratamento dixital das imaxes e a puntual substitución dalgunha delas. Ademais, incorpora de agasallo un DVD cos vídeos do ProxectoTERRA elaborados por TVE en Galicia, nos que están integrados cinco vídeos sobre Arquitectura Popular en Galicia montados, con novos guións e textos de Pedro de Llano, a partir das imaxes filmadas no ano 1984 polo equipo de TVE que realizou a serie “Artes y tradiciones populares”.