Arquitectos sin fronteras

Arquitectos Sen Fronteiras é unha ONG para o desenvolvemento, fundada en 1992 grazas á iniciativa dun grupo de arquitectos que xa colaboraba con outras ONG. Desde entón traballamos conxuntamente con organizacións do terceiro e do cuarto mundo que solicitan a nosa colaboración, para mellorarmos a calidade de vida das poboacións máis desfavorecidas, sen ningún tipo de discriminación.

Desenvolvemos proxectos integrais, relacionados coa arquitectura, o urbanismo e as infraestruturas co obxectivo de promovermos un desenvolvemento local non dependente, participativo e sustentable, respectando o medio ambiente.

As actividades que realizamos agrúpanse nestas categorías:

  • Proxectos de cooperación en países do terceiro mundo.
  • Actuacións no cuarto mundo (situacións de pobreza nos países desenvolvidos).
  • Sensibilización (denuncia, formación e campañas informativas).

Arquitectos Sen Fronteiras funciona como unha asociación de voluntarios de ámbito estatal e depende da participación activa de todas as súas persoas socias, algo máis de 1.300 persoas. Na actualidade conta con demarcacións territoriais en Andalucía, Aragón, Baleares, Cataluña, Comunidade Valenciana, Euskadi, Estremadura, Madrid, Navarra e Galicia.

A Demarcación Galega de Arquitectos Sen Fronteiras foi creada en 1995 por varios alumnos da ETSAC, e desde entón mantén o seu local social na Escola e unha especial vinculación con ela. Desde aquí leváronse a cabo proxectos de desenvolvemento no terceiro mundo, especialmente en América Central, entre os que destacan os seguintes:

  • Apoio á autoconstrución de vivendas en terras recuperadas pola comunidade indíxena Victorias 3 en Guatemala (actualmente en execución).
  • Banco de materiais para a mellora de vivendas en El Viejo, Nicaragua.
  • Casa de acollida para menores en alto risco social, Guatemala.
  • Centro para a promoción dos Dereitos Humanos en Jiquilisco, O Salvador.

Tamén prestamos atención á sensibilización da nosa sociedade, informando, denunciando e chamando á participación de todos os cidadáns mediante actividades como estas:

  • Exposición de fotografías de Sebastião Salgado sobre o Movimento dos Sem Terra (Brasil) en diferentes centros educativos.
  • Concursos “Viñetas con pé” e “A terra é nosa” en centros educativos da comunidade.
  • Concurso de fotografía “Para quen é a túa cidade?”.
  • Ciclo de cinema social sobre Brasil na ETSA.

O mellor modo de colaborares connosco é achegares as túas ideas, o teu traballo e a túa ilusión, formando parte dun dos grupos de traballo ou con colaboracións puntuais. Tamén podes facerche socio, contribuíndo á independencia financeira da organización. As cotas de socio son actualmente de 30 € ao ano para estudantes e 100 € para os socios xerais.

Para saberes máis sobre o noso traballo, pasa polo local do andar-2 da ETSAC ou consulta a nosa páxina web.