Conferencias Campus, casa, cidade. Laboratorios do cambio

A Oficina de Medio Ambiente da UDC infórma das seguintes conferencias:

https://www.udc.es/sociedade/medio_ambiente/actualidade/plasticos.html

 – 21/03/2018, 12:30 h

Plásticos e microplásticos, máis que peixes nos mares

Soledad Muniategui, Instituto Universitario de Medio Ambiente, UDC

Alfredo López, CEMMA

Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas – Riazor

Salón de Actos

 – 22/03/2018, 12:45 h

Auga e sustentabilidade ante a mudanza global

Francisco Díaz Fierros, Catedrático Edafoloxía e Química Agrícola, USC

ETSE Camiños, Canais e Portos – Elviña

Salón de Actos

Máis información sobre o Proxecto UDC-Fundación Alcoa “Educando para a sustentabilidade”. en:

https://www.udc.es/sociedade/medio_ambiente/curso/

Inclúe recoñecemento de créditos para estudantes de grao da UDC, e recoñecemento por actividades de voluntariado ambiental.

RESEÑA D@S RELATOR@ES:

Soledad Muniategui Lorenzo é Directora do Instituto Universitario de Medio Ambiente (IUMA) e Coordinadora do Mestrado en Ciencias, Tecnoloxías e Xestión Ambiental da Universidade da Coruña. Catedrática de Química Analítica da Universidade da Coruña desde 2003. Posúe unha ampla traxectoria docente e investigadora no campo da Química Analítica e do Medio Ambiente. Desde 2016 coordina o Grupo de investigación Química Analítica Aplicada (QANAP), recoñecido como un grupo de referencia competitiva no Sistema Universitario Galego desde 2006.

As súas liñas de investigación céntranse no desenvolvemento de novas estratexias de análise de substancias químicas nos campos industrial, ambiental e agroalimentario. Na avaliación de contaminantes prioritarios, persistentes e emerxentes, con especialización no estudo da calidade do aire, calidade da auga, medio mariño e solo. Esta investigación deu lugar a máis de 200 publicacións en revistas científicas internacionais de elevado índice de impacto.

Desde o ano 2013 desenvolve unha liña de investigación sobre os microplásticos no medio ambiente en colaboración co Instituto Español de Oceanografía (IEO), na que destaca a participación do Grupo QANAP no proxecto europeo BASEMAN (JPI-Oceans). No proxecto, liderado polo centro alemán Alfred Wegener Institute Helmholtz-Centre for Polar and Marine Research (AWI), participan 24 centros de investigación de 13 países europeos e ten por obxecto o establecemento de protocolos e referencias para a análise de  microplásticos en augas europeas.

Alfredo López é licenciado en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela no ano 1988 e doutor por esta mesma universidade no ano 2003. Foi Research Assistant da Universidade de Aberdeen, Scotland (1997); investigador do Instituto de Investigacións Mariñas – CSIC (1998-2001) e realizou unha estadía no Departamento de Biologia da Universidade de Aveiro. Fundador e Presidente da CEMMA até o ano 2012, na actualidade é o coordinador da Unidade de Coidados Intensivos na recuperación da fauna mariña ameazada desta entidade.

 Francisco Díaz-Fierros Viqueira (Vilagarcía de Arousa1941), é un científico e escritor galego, catedrático emérito da USC[ e académico numerario da Real Academia Galega.

O seu labor científico céntrase, basicamente, no estudo dos solos e da climatoloxía agrícola de Galicia, sendo autor ou coautor de case 300 traballos en diferentes liñas: os factores de formación dos solos, as propiedades físicas de solos de zonas húmidas, a avaliación e cartografía dos solos de Galicia e zonas húmidas, a erosión, os procesos de degradación desuperficies queimadas e a súa recuperación, ou a paleoecoloxía [3], que foron publicados en diferentes e relevantes revistas científicas.

Conferenciante e membro de numerosas Sociedades Científicas, publicou traballos e guías sobre a natureza de Galicia, ou sobre a relación entre a natureza e as prácticas culturais. Foi o primeiro presidente da Sociedade Galega de Historia Natural, entre 1975 e 1980. É presidente da xunta reitora do Seminario de Estudos Galegos e membro do Consello da Cultura Galega, en que coordinada a Sección de Ciencia, Tecnoloxía e Sociedade.

Experto en cambio climático e a súa incidencia en Galicia, tamén coordinador do libro As augas de Galicia (1996, e publicou recentemente o libro Auga para todos (2017), “unha reflexión universal sobre a importancia da auga feita desde Galicia”.