Kaya Clínica: lanzamento dun proxecto de cooperación en Mozambique con participación da ETSAC

mozambique_1

 

O pasado 21 de xullo en Maputo (Mozambique), tivo lugar o lanzamento do proxecto de cooperación universitaria ao desenvolvemento KAYA CLINICA (“clínica das casas” en lingua Xangana).

O devandito proxecto, impulsado pola Universidade Eduardo Mondlane de Mozambique en colaboración coa UDC, está financiado pola Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID), por un importe de 74.824,00 euros para un período de execución de 18 meses.

No lanzamento do proxecto estiveron presentes a coordinadora xeral da cooperación española en Mozambique, Cristina Gutiérrez; os socios locais, encabezados polo coordenador do proxecto en Maputo Luis Lage, Plácido Lizancos (profesor da ETSAC)  e Vanessa Míguez (técnica da OCV), dúas das persoas que dirixen o proxecto na UDC xunto con Alberto Varela.

O proxecto KAYA CLINICA busca a implementación dun sistema de aprendizaxe- servizo para o alumnado, enfocado na habitabilidade integral (auga, saneamento e mellora da habitabilidade), que se inicia nun dos barrios informais da capital mozambicana, Dimitrov, situado ao norte da cidade.

O proxecto envolve ás facultades de Arquitectura, Enxeñaría, Dereito, Letras e Ciencias Sociais, Medicina e Economía da Universidade Eduardo Mondlane, e ás de Arquitectura e Enxeñaría da UDC,  así como á súa  Oficina de Cooperación e Voluntariado (OCV)

Máis información:

https://www.udc.es/ocv/

placido.lizancos@udc.gal