Estudantes da ETSAC desprázanse a proxecto de cooperación universitaria en Maputo (Mozambique)

 

As estudantes da ETSAC Rebeca Nuevo, Noemi Amigo e Sonia Beltrán desprázanse dende o seis de setembro por un mes a Maputo (Mozambique) a participar nas actividades do proxecto Kaya Clínica. Acompáñanse do profesor Plácido Lizancos, coordinador do proxecto na ETSAC.

Kaya clínica é o nome abreviado dunha acción de aprendizaxe-servizo que as Universidades da Coruña xunto coa Universidade Eduardo Mondlane e o apoio da Agencia Española de Cooperación Internacional al Desarrollo desenvolven na capital africana.

Kaya Clínica execútase dende a súa oficina, instalada no corazón do Bairro de Dimitrov, un dos moitos barrios auto construídos onde habita até o 80% da poboación da cidade e que se caracterizan por unha extrema precariedade habitacional.

Alí estudantes e profesorado –pertencente aos estudos de arquitectura, enxeñería, empresa, socioloxía, medicina e dereito- prestan os servizos de asesoría técnica ás persoas que constrúen o seu hábitat malia non poden acceder á arquitectura e aos instrumentos formais de urbanización. En retorno a comunidade académica adéstrase nun entorno laboral onde prevalece o dereito á vivenda sobre o deseño así como o coñecemento dun entorno tecnolóxico no que o concepto de sustentabilidade acada unha dimensión exemplar.

Kaya Clinica iniciouse en decembro de 2016 e concluirá as súas actividades en marzo de 2018.