Xornadas Académicas ‘Da árbore á cadeira’. Cidade da Cultura

A Cidade da Cultura pon en marcha do 7 ao 9 de xuño as Xornadas Académicas Da árbore á cadeira, tres días nos que reflexionar e difundir a xestión cultural nun marco como o Museo Centro Gaiás ao tempo que se pon en valor o deseño do moble como un campo con grande potencial na área expositiva.

A elección do tema dunha mostra, a concepción do proxecto, como se conforma un equipo de comisariado e de coordinación expositiva: as fases de execución, o deseño, a montaxe… constitúen o primeiro eixe temático destas xornadas. De forma paralela, as Xornadas Académicas reflexionarán ao redor do deseño contemporáneo, especialmente do mobiliario en madeira, dándolle voz a todos os sectores da madeira e o deseño para que poidan achegar o seu punto de vista. Por iso, unha segunda parte das xornadas estará centrada nas peculiaridades do mundo do deseño de mobiliario e da arquitectura en Galicia, adentrándonos nun sector no que están implicados deseño, artesanía, industria e comercio.

Arquitectos, biólogos, profesores universitarios e dunha escola de formación, deseñadores,  artesáns, xestores culturais e directores de programación e empresarios serán os encargados de impartir as charlas didácticas destas Xornadas Académicas.

Programa completo das Xornadas Académicas