ETSAC-Green Campus. Aforro de enerxía e de papel

A  ETSAC está a traballar dentro do programa Green Campus nestas dúas áreas do Plan de Acción entre outras actividades:

Optimización do consumo de auga e enerxía

Redución da xeración de residuos e recollida separada

 AFORRO DE ENERÍA

O cambio climático que estamos a observar débese entre outras cousas a un consumo irresponsable da enerxía nos nosos fogares, pero tamén nos lugares de traballo.

Pasamos na Escola a maior parte do día durante o período lectivo e é a nosa responsabilidade facer un uso eficiente da enerxía.

Aínda que moitas cousas se deben arranxar dende as institucións, nós, profesorado e alumnado, podemos escoller hábitos que axuden a reducir os consumos sen custo algún.

Por isto, animámosvos a facer menos uso dos ascensores, que tanto traballo levan no noso centro así como a apagar as luces das aulas cando non sexan necesarias.

Poderedes ver o noso logo Green Campus indicando en verde o uso das escaleiras para recordarvos que se podedes, fagades uso das mesmas.

Somos conscientes de que neste centro, aínda así, os ascensores son moi necesarios polo funcionamento vertical do edificio. Sen embargo detectamos que a maior parte dos usuarios chaman sempre aos dous ascensores duplicando así as viaxes dos mesmos. Parécenos que entre todos poderíamos aforrarlle ao Medio Ambiente unha boa cantidade de enerxía malgastada se só chamáramos a un ascensor de cada vez.

_DSC0219

 AFORRO DE PAPEL

En colaboración coa Oficina de Medio Ambiente da UDC (OMA), damos continuidade á iniciativa “Re-utiliza: DÚAS CARAS, DOUS USOS”

Re-utiliza está enfocado ao compromiso cun dos tres R ambientais: reduce, reutiliza, recicla. Reutilizar o papel antes de reciclalo, de modo que se o papel ten dúas caras, emprega  as dúas. Así tamén consegues reducir o seu consumo. A finalidade que se persegue é mellorar o aproveitamento e a rendibilidade do papel.

Por este motivo instalamos unha caixa na biblioteca para botar o papel usado soamente por unha cara. Se precisas desfacerte del e só está usado por unha cara, deposítao nestas caixas, e se precisas papel para apuntes,bocetos ou imprimir podes collelo das caixas.

Coa vosa axuda poderemos ser máis eficientes no uso do papel.