MÉRCORES DE CINE NA ETSA. NEORREALISMO

A nosa escola acolle dende mañá mércores sete ata o vindeiro 21 de marzo un ciclo de cine titulado Neorrealismo, onde se proxectarán tres filmes italianos. O programa é o seguinte:

Mércores 7 de marzo, 18:00 a 20:00 “Roma, citta aperta” (Roberto Rossellini, 1945)

Mércores 14 de marzo: “Ladri di biciclette” (Vittorio de Sica, 1948)

Mércores 21 de marzo: “Mamma Roma” (Pier Paolo Pasolini, 1962)

¿E se mirásemos máis alá das meras etiquetas? Bautizado como “neorrealismo” polo crítico Umberto Barbano, é posible que esta corrente xorda de dúas tendencias: da admiración do realismo poético francés -en segundo que casos tamén realismo “patético” ou desesperanzado pola que a Europa se lle viña enriba: véxase a mirada de Jean Gabin nalgún dos filmes de Marcel Carné, por exemplo, “Le quai des brumes” (1938)-, e do intento de abandonar a retórica fascista que envolvía o cinema da época, claramente evasiva tanto na súa faceta propagandista, coma na máis típicamente melodramática. Polo menos.

Pois ben, adoita caracterizarse o neorrealismo como un intento de mostrar a realidade cotiá da xente sen artificio algún. As películas desta corrente son rodadas ó aire libre, a pé de rúa -ben poda ser isto porque os estudos italianos por excelencia, Cinecitta, estaban inutilizados como consecuencia da Liberación de Roma no ano 1944 e por riba, cheos de refuxiados civís que buscaban acubillo en calquera lado-, utilizando a luz natural e moita espontaneidade nos movementos de cámara, flexibilidade nos encadres; escóllese para as interpretar actores non profesionais, usando na fala os dialectos locais e os rexistros non cultos, o slang da época dos cuarenta; buscan historias que, lonxe de ensalzar a actualidade na que se vive, mostran a súa cara, por así dicilo, sen lavar.

Pero isto é, máis ou menos, a teoría. Logo, haberá que ver que sucede. Non deixedes de faltar á cita dos mércores, por se acaso.

Ah, e ollo á mirada dos nenos nelas. Pode que conten cos seus olliños a historia que ningunha cámara pode recoller.