XORNADAS MULLER E ARQUITECTURA: Experiencia Docente, Investigadora e Profesional.

When:
26 Novembro, 2012 @ 11:00 – 27 Novembro, 2012 @ 20:00
2012-11-26T11:00:00+00:00
2012-11-27T20:00:00+00:00
Where:
Salón de Actos. E.T.S.A.C

As XORNADAS MULLER E ARQUITECTURA: EXPERIENCIA DOCENTE, INVESTIGADORA E PROFESIONAL enmárcanse no contexto dun proxecto de investigación máis amplo e o seu obxectivo é fomentar o debate en torno ao tema muller e arquitectura desde a perspectiva do propio traballo, realícese este en campo do exercicio libre, da docencia, da función pública, ou en relación con outra actividade fóra das canles convencionais, pero non por iso cun contido menos arquitectural.

Organízanse dúas xornadas consecutivas, na primeira das cales se aborda o tema desde un ámbito xeral, coa participación de Carmen Espegel e de Zaida Muxí, profesoras ambas as das ETS Arquitectura de Madrid e Barcelona, respectivamente. A Carmen Espegel propúxoselle como tema o das pioneiras, aquelas mulleres que iniciaron a senda da arquitectura como dedicación profesional rompendo roles social e profesionalmente predeterminados, mentres que a Zaida Muxí encomendóuselle que nos fale das primeiras xeracións das arquitectas catalás en relación cun territorio e unha identidade propia. Unha mesa redonda vespertina na que participarán as dúas relatoras citadas así como diversas profesoras da ETS Arquitectura da Coruña pechará esta primeira xornada.
Na segunda xornada o tema céntrase na muller e arquitectura en Galicia, desde a proximidade que proporciona unha exposición cun formato de 5×18, cinco relatores con dezaoito minutos de intervención para cada un deles. Desenvolverase esta sesión coa participación de profesionais de distintas xeracións e cuxo traballo discorre en ámbitos diversos, ben como protagonistas no caso de Chus Blanco, Cristina Ouzande, Lucía Ruiz ou Silvia Blanco, ben como espectador e compañeiro no caso de Ignacio Cerrada. A xornada finalizará cunha mesa de traballo e discusión na sesión de tarde na que participarán as relatoras, os investigadores integrantes do grupo MEIGA e un número restrinxido de invitados.

Triptico informativo